Saltar ao contido

ARRAIGAMENTO CULTURAL

ARRAIGAMENTO CULTURAL

Unha das constantes na Festa da Filloa de Lestedo, ademais da degustación desta sobremesa estrela, é a incorporación de valores tradicionais á celebración. A música, o baile, o Entroido da Ulla e outras manifestacións da cultura galega seguen tendo un peso moi importante nesta cita.

Precisamente por ese arraigamento e pola importancia dentro do calendario festivo da rexión, a Xunta de Galicia outorgou en 2008 a Declaración de Festa de Interese Turístico Galego a esta cita. O seguinte reto pasa agora por alcanzar a declaración de Festa de Interese Turístico Nacional para esta celebración.

Entroido da Ulla

O Entroido Rural Tradicional dos Xenerais da Ulla é unha das manifestacións máis significativas e singulares da comarca da Ulla. Conta con máis dun século de existencia (as primeiras referencias bibliográficas son do ano 1870) e a súa orixe, segundo a teoría máis estendida, remóntase ás batallas napoleónicas que se deron a beiras do río Ulla, que baña os 8 municipios das provincias da Coruña e Pontevedra implicados nesta celebración (Boqueixón, A Estrada, Santiago de Compostela, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces).

Esta tradición destaca polas singulares vestimentas dos xenerais e polas súas batallas dialécticas, tamén coñecidas como atranques. Caracterizados pola xenuína retranca galega, estas coplas acostuman a satirizar temas de actualidade política, social e cultural, ou temáticas das que se fale na propia parroquia. Os versos son, na maioría dos casos, creados polos propios veciños e veciñas implicados no desenvolvemento do Entroido da Ulla.

Ano tras ano, na Festa da Filloa de Lestedo apóstase pola promoción do Entroido da Ulla, que conta cun protagonismo específico. Especial interese ten o Desfile de Xenerais da Ulla que nesta 40ª edición congregou a máis de 50 xinetes procedentes dos distintos municipios da comarca da Ulla, acompañados polos seus correos e parrandas (grupos de persoas disfrazadas que fan as veces de coro).

O mantemento e posta en valor desta tradición contribúe tamén á substitución xeracional desta parte da cultura popular. O Entroido da Ulla, representa, pois, unha importante riqueza etnográfica do pobo galego.

Arraigo-carnaval del ulla

Folclore

Arraigo-folclore

Estreitamente unido ás celebracións da comunidade autónoma, o folclore é parte fundamental da cultura popular galega. Por iso, dende a primeira edición da Festa da Filloa de Lestedo e ata a actualidade, as agrupacións tradicionais sempre contaron co seu propio espazo.

Os sons e os bailes dos grupos tradicionais, bandas, gaiteiros, charangas, grupos de baile galego… impregnan as xornadas da Festa da Filloa de Lestedo. As suas actuacións comezan desde primeiras horas da mañá e ata a chegada da noite. Mantense así, unha presenza constante durante toda a xornada grande desta cita.

Nas últimas edicións da Festa da Filloa de Lestedo apostouse tamén pola incorporación doutros instrumentos tradicionais cun claro arraigamento na comarca da Ulla. Os requinteiros danse tamén a coñecer a través da cita gastronómica máis importante de Boqueixón.

Arraigo-folclore
Ir o contido Click to listen highlighted text!