Saltar ao contido

DÍA GRANDE

DÍA GRANDE

O Domingo de Piñata é o día grande da Festa da Filloa de Lestedo. Nesta xornada, a localidade convértese nun fervedoiro de visitantes atraídos polo produto estrela e tamén pola variada programación de propostas de lecer.

Así, o programa da xornada grande baséase en catro piares fundamentais: a degustación de Filloas de Lestedo (con e sen recheo); a exaltación das tradicións a través do Entroido dos Xenerais da Ulla e das actuacións de agrupacións tradicionais; a inauguración oficial da celebración, co pregón e a imposición dos Mandís de Honra, e a verbena, a cargo de orquestras e grupos musicais de renome.

Degustación de Filloas de Lestedo

Na xornada grande da Filloa de Lestedo ofrécense diversos espazos onde as persoas asistentes poden adquirir o produto estrela desta exaltación gastronómica. Para iso, instálanse no Campo da Festa as máquinas filloeiras, onde se poden comprar packs de Filloas de Lestedo.

Do mesmo xeito, hai unha zona na que se habilita a venda de Filloas á pedra e outra específica onde se poden degustar Filloas de Lestedo recheas. Para iso, ofrécese ao público unha ampla variedade de recheos, tanto doces como salgados, demostrando, unha vez máis, a versatilidade do produto.

Como novidade nos últimos dous anos, o local social de Lestedo acolle o espazo de venda de Filloas de Lestedo sen glute. Trátase dunha opción que numerosos visitantes acolleron moi positivamente, xa que se abre o abanico de posibilidades. De feito, na 41 edición da Festa da Filloa de Lestedo incluíuse tamén neste espazo a venda de recheos salgados.

Tradición

A tradición está representada na xornada grande polos xenerais do Ulla. Neste sentido, na 41ª Festa da Filloa celebrouse o VII Desfile Intermunicipal, que congregou en Lestedo a máis de medio centenar de xinetes e amazonas procedentes dos distintos municipios da comarca do Ulla. Ademais, os xenerais do Ulla tamén protagonizan os seus atranques dentro da Festa da Filloa de Lestedo, como colofón á apertura oficial da xornada grande desta celebración.

Ademais, desde primeira hora da mañá, a xornada conta coas actuacións de grupos tradicionais de música e baile. O principal expoñente, neste aspecto, son as persoas integrantes da Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio, cuxa sede se acha na localidade de Lestedo.

Apertura oficial

Ao redor das 13.30 horas, ten lugar a apertura oficial da Festa da Filloa de Lestedo. Esta consiste, principalmente, no pregón, protagonizado nesta cuadraxésimo primeira edición polo chef 2 Estrelas Michelín, Javier Olleros, xunto coa intervención das autoridades asistentes á cita (presididas, habitualmente, polo alcalde de Boqueixón e polo presidente da Asociación Cultural da Filloa).

Seguidamente, procédese ao acto de imposición dos Mandís de Honra da Festa da Filloa de Lestedo. Ademais da persoa encargada de realizar o pregón, desde a organización inclúense outras persoas que poidan facer as veces de embaixadoras do produto estrela desta celebración. Na última edición sumáronse á listaxe o exalcalde boqueixonés, Adolfo Gacio, e a responsable de Seguridade Alimentaria da Asociación de Celíacos de Galicia, Nuria Colmenero.

Verbena

Outro dos atractivos da xornada grande da Festa da Filloa de Lestedo é a verbena, protagonizada por orquestras de renome e grupos musicais. Estes encárganse de amenizar tanto a sesión vermú como, especialmente, a serán. Unha das orquestras que adoita estar presente como cabeza de cartel dentro da celebración é a París de Noia, que conta con gran número de fans dentro e fóra das fronteiras galegas. Non en balde, miles de persoas quedan para gozar da súa actuación, que, normalmente, pon o broche de ouro á celebración nesta localidade boqueixonesa.

Ir o contido Click to listen highlighted text!