O NOSO PATRIMONIO
O NOSO PATRIMONIO
Ademais de polo seu produto gastronómico por excelencia, Lestedo ten moito que ofrecer aos visitantes. Dispón dun patrimonio natural, cultural e histórico único e a un paso de Compostela. Por Lestedo pasan todos os años miles de peregrinos que recorren a Vía da Prata e que se marabillan ca icónica silueta do Pico Sacro, ademais de realizar paradas nalgunha das igrexas ó seu paso polo recorrido ou no propio Centro de Interpretación. A continuación, mostrámosche os lugares de referencia.
Patrimonio cultural: o Camiño de Santiago
Lestedo é un dos puntos de parada da última etapa da Vía da Prata (Silleda-Compostela). Polo tanto, o Camiño de Santiago ten un papel fundamental e supón un valor engadido á singularidade desta parroquia boqueixonesa.
De feito, miles de peregrinos recorren todos os anos este itinerario e, para mellorar a súa acollida, acometéronse distintas actuacións de mellora das instalacións, como a área de descanso habilitada ó lado do polideportivo de Lestedo, lugar onde pernoitan os grupos grandes de peregrinos que soen pasar pola localidade nos meses estivais.
A Vía da Prata é o Camiño Xacobeo galego de maior recorrido. Pasa por terras das provincias de Ourense, Pontevedra e A Coruña e por espazos naturais de gran beleza, con rico patrimonio natural e cultural. Polo seu largo trazado, a Vía da Prata presenta distintos accesos a Galicia desde o nordeste de Portugal, sendo a conca do Sil a entrada tradicional a Galicia.
Patrimonio natural: o Pico Sacro
O Pico Sacro é o icono por excelencia do concello de Boqueixón. O escritor Ramón Otero Pedrayo definiuno como “a cima máis bela e simbólica de Galicia”.
Este monte sagrado conforma un enclave onde a natureza se mestura ca historia, as lendas e os contos populares. A súa forma puntiaguda, a súa peculiar morfología a base de rocas de cuarzo cristalizado e os seus case 600 metros de altura forman unha silueta inconfundible, ó mesmo tempo que ofrece unha das vistas panorámicas máis extensas de toda Galicia.
A vinculación do Pico Sacro ca tradición xacobea é moi clara e está recollida no Códice Calixtino. De feito, este enclave resulta fundamental na historia da Traslatio, e máis concretamente co mito da Reina Lupa e do traslado do corpo do Apóstolo Santiago a Compostela.
O Pico Sacro esconde tamén os restos dunha fortaleza medieval que protexía a entrada a Compostela dende a Vía da Prata e os tesouros arquitectónicos da Capela de San Sebastián, que ten a súa orixe nun antigo mosteiro do ano 912. Unha información que o visitante pode conseguir no Centro de Interpretación do Pico Sacro situado na antiga casa reitoral de Lestedo, na aldea de Cachosenande e ó pé do Pico Sacro. Un punto onde entender a xéneses e a evolución histórica deste monumento natural.
Ademais dos seus extensos paisaxes verdes, Lestedo tamén conta con outro espazo natural de interese. A Fervenza de Ramil é un dos tres saltos de auga que acolle o río Pontillón ó seu paso por Boqueixón antes de verter as súas augas no río Ulla. Emprazada preto do núcleo de Ramil, esta fervenza salva un desnivel duns 8 metros entre rocas graníticas, rodeadas pola vexetación que conforma un frondoso bosque de ribeira.
Patrimonio histórico: arquitectura relixiosa
O patrimonio histórico de Lestedo, atópase directamente vinculado ca tradición cristiá e a arquitectura relixiosa. Ademais dos restos do torreón medieval que se levantan na cima do Pico Sacro e dos restos románicos da reconstrución nos séculos XI e XII e actual Capela de San Sebastián, Lestedo conta con outros dous templos interesantes para a persoa visitante.
Así, no lugar de Rubial levantouse a antiga igrexa parroquial de Santa María de Lestedo, un templo deste estilo románico de reducidas dimensións que, debido ó seu mal estado de conservación, tivo que reconstruírse a principios do século XX. Así, o 2 de xuño de 1915 comezaron as obras do novo edificio, de pranta de cruz latina e grandes vidrieiras, encadrado dentro do estilo neogótico deseñado polo arquitecto compostelá Jesús López de Rego. Unha igrexa de gran altura, con contrafortes, arcos apuntados, elevados pilares, bóvedas de crucería e unha gran torre na súa fachada, como elementos característicos. As súas vidreiras a cores datan do 2005 e o seu interior acolle 3 retablos: o maior, o de San Roque e o de Nosa Señora do Carme.
Emprazada no Campo da Festa de Lestedo, atópase a Capela de Nosa Señora de Lourdes. A súa construción comezou en 1883 co obxectivo de facilitar a asistencia dos veciños aos cultos relixiosos os días de mercado. Tanto o seu interior -con planta de salón- como a súa fachada -cunha sinxela xanela circular e unha espadana- seguen as liñas clásicas e sobrias do historicismo decimonónico.
Completan o patrimonio histórico relixioso da parroquia de Lestedo catro cruceiros, todos eles en granito e coas figuras do Cristo crucificado e da Virxe. Localízanse nas aldeas de Rubial, Pazos e Cachosenande, aos que se suma o Cruceiro da Feira.