ORIXES E HISTORIA
ORIXES E HISTORIA
A Festa da Filloa de Lestedo naceu en 1984 cando un grupo de amigos e amigas decidiu alongar o Entroido ata o Domingo de Piñata poñendo en valor un produto de gran arraigamento na zona. En todo momento, a implicación veciñal posibilitou que esta celebración se convertera en todo un referente no calendario gastronómico galego, superando, mesmo, fronteiras rexionais.
Nos seus inicios, a elaboración de filloas realizábase de modo tradicional, cos filloeiros. Trátase dunha especie de tixolas que se quentan con gas e que permiten elaborar entre 4 e 7 filloas á vez. Estas ferramentas combinábanse coa tradicional elaboración de filloas sobre laxa (ou á pedra).
Máis produción cas máquinas filloeiras
Co paso dos anos foi gañando adeptos e adeptas e incrementando o número de visitantes que se achegaban a degustar as Filloas de Lestedo. Isto levou a buscar medios para incrementar a produción desta singular sobremesa galega típica do Entroido. En 2004 estreouse a máquina filloeira, un singular dispositivo artesanal composto por un motor central eléctrico que fai virar os 40 filloeiros que cociñan, á súa vez, 4 filloas. Deste xeito, puidéronse elaborar ata 1.200 filloas á hora sen alterar a receita nin o método de elaboración tradicionais.
Cunha asistencia cada vez maior, a produción seguiuse incrementando coa posta en marcha dunha segunda máquina filloeira, de menor tamaño que a anterior. A última incorporación deuse nesta 40ª edición, xa que a Asociación Cultural da Filloa de Lestedo adquiriu, grazas a unha subvención da Deputación da Coruña, unha máquina filloeira propia. Con capacidade para elaborar ata 800 filloas á hora, conta cunha forma rectangular e resulta máis cómoda para as persoas que participan na cadea de cocción destas sobremesas. Unha nova ferramenta que permitirá mostrar a elaboración deste produto en distintos lugares.
Asociación Cultural Filloa de Lestedo
A concepción actual da Festa da Filloa non podería entenderse sen a implicación social dos veciños de Boqueixón, e moi especialmente, sen a Asociación Cultural Filloa de Lestedo.
Debido ao crecente interese pola festa e ao aumento do número de visitantes, no ano 2015 constitúese a asociación co obxectivo de organizar todo o programa do evento e levar a cabo actividades de promoción e posta en valor das filloas durante todo o ano.
Na actualidade, componse de 220 socios que buscan promover e estimular a acción cultural, social e cívica da comunidade desenvolvendo unha cultura popular e participativa; a organización de eventos, xornadas, cursos culturais e culinarios; sensibilizar, apoiar e promocionar a cultura e tradición galegas; potenciar o voluntariado e elaborar e organizar programas relacionados coa Filloa de Lestedo.
Pero ademais, a Asociación Cultural Filloa de Lestedo conta coa colaboración doutras agrupacións de carácter social para a celebración dos festexos, como a Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio, a Asociación de Mulleres Rurais de Lestedo, a Asociación veciñal de Lestedo, o colectivo de Xenerais da Ulla, a Asociación de Celíacos de Galicia ou a Asociación de Persoas Xordas de Santiago de Compostela, entre outras.