A Asociación Cultural da Filloa de Lestedo está de estrea hoxe sábado: á primeira edición da Festa da Filloíña e do Entroido da Filloa hai que sumar o dunha nova máquina filloeira adquirida pola entidade grazas a un investimento subvencionado pola Deputación da Coruña. Precisamente, esta mañá o deputado provincial Blas García acompañou ao presidente da Asociación Cultural da Filloa de Lestedo, Xosé Manuel Canabal, e ao alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, na posta en marcha desta nova máquina no local social de Lestedo.
Unha máquina con capacidade para facer 800 filloas á ora e que dende esta mañá están a manexar os veciños e veciñas que integran a Asociación Cultural da Filloa de Lestedo para ter todo listo para esta tarde, coas primeiras edicións da Festa da Filloíña e do Entroido da Filloa. Os veciños e veciñas que integran a asociación explicáronlles aos integrantes da comitiva oficial a forma na que se cociñan as filloas de Lestedo, facendo fincapé non tanto na propia máquina como no saber facer das persoas e no uso dos ingredientes da contorna, como a auga do Pico Sacro.
Xosé Manuel Canabal agradeceu o apoio da Deputación da Coruña para financiar preto do 75% do custe da nova máquina filloeira. A comitiva oficial puido degustar estas exquisitas filloas, que tamén estarán esta tarde a disposición de todas as persoas que participen na Festa da Filloíña, onde a rapazada que participe no concurso de disfraces ou veña disfrazada poderá comelas totalmente de balde.
Programación
A festa dará comezo ás 17:30 horas coa actuación de varios grupos musicais da contorna, previos ao pregón infantil e aos atranques de xeneraliños, para poñer en valor a tradición. Tras o concurso de disfraces haberá unha festa infantil con Priscila Dance. Ás 22:00 horas, o campo da festa de Lestedo cambiará a un público adulto coa música da orquestra Finisterre e do grupo Origen, que darán paso a un concurso de disfraces para adultos con 750 euros en premios.
Xenerais de Sergude
E o domingo terá lugar o Entroido de Sergude, que dará comezo ás 11:00 horas cos Correos, Xenerais e Comparsas percorrendo toda a parroquia cos seus cantos, acompañados pola música do grupo local “Son de gaitas”. Pola tarde, a partir das 18:30 horas, o campo da festa de Sergude acollerá as actuacións das comparsas e os tradicionais Atranques dos Xenerais da Ulla, que darán paso a un Gran Baile de Disfraces amenizado polo Dúo Óbice. Haberá degustación gratuíta de chocolate con churros, así como sorteo dun lote de produtos de Entroido e un patinete eléctrico.