A Asociación Cultural da Filloa de Lestedo, en colaboración co Concello de Boqueixón, veñen de poñer en marcha a cuarta edición do concurso de fotografía dixital “Filloarte”. Esta proposta desenvolverase a través da fan page de Facebook da Festa da Filloa de Lestedo e da conta oficial de Instagram.
As persoas interesadas en participar teñen desde o venres 19 de xaneiro e ata as 23.59 horas do 11 de febreiro para remitir ata un máximo de dúas fotografías ao enderezo electrónico festadafilloadelestedo@gmail.com coa lenda “Filloarte 2024” ou “Filloa de Lestedo 2024” no asunto do correo. Ademais, no propio mail, a persoa participante deberá achegar os seus datos de contacto (nome, apelidos e teléfono), así como os títulos da/s fotografía/s anexas.
En canto á temática, as imaxes deberán recoller algún dos seguintes aspectos ou momentos: elaboración das filloas, presentacións empratadas de filloa/s, creatividades en base ás filloas, etc. Nas fotos só poden aparecer imaxes de filloas ou da súa creación, polo que non poden aparecer persoas identificables. En caso de figurar persoas nas imaxes, estas serán descualificadas.
Con todas as fotos enviadas crearase un álbum, coas imaxes colocadas por estrita orde de chegada, que será publicado o 12 de febreiro nas contas de Facebok e Instagram da Festa da Filloa de Lestedo. Dende ese momento e ata as 23:59 horas do 16 de febreiro abrirase un período de votación.
Premios
A Asociación Cultural da Filloa de Lestedo, en colaboración co Concello de Boqueixón, establece catro premios. Un xurado profesional designará un primeiro e un segundo premio entre todas as imaxes recibidas a concurso. O xurado popular, a través dos seus “gústame” en Facebook e Instagram, escollerán outro primeiro e segundo premio. Os galardóns serán:
- Dous primeiros premios consistentes en sendos vales por valor de 150 euros para canxear por unha noite nunha cabana de María Manuela Enoturismo de Boqueixón.
- Dous segundos premios consistentes en sendos vales por valor de 100 euros para canxear por unha cea no Restaurante O Balado de Boqueixón.
Os galardóns serán entregados o domingo 18 de febreiro, no descanso da verbena da XLI Festa de Lestedo. As bases do certame poden consultarse neste documento.