Saltar ao contido

A Festa da Filloa de Lestedo viaxa a FITUR para amosar todo o seu potencial

A Festa da Filloa de Lestedo deuse a coñecer onte pola tarde na Feira Internacional de Turismo (FITUR), que se desenvolve desde o mércores ata o domingo 28 no IFEMA de Madrid. Unha delegación de representantes da Asociación Cultural da Filloa, xunto co alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro Tato, trasladouse á esta cita internacional para participaren na presentación protagonizada polo GDR Terras de Compostela.

Desde a Asociación Cultural da Filloa agradeceron “o apoio que o xeodestino vén amosando á nosa festa desde hai anos”. E unha proba diso foi a participación nesta presentación, que se complementou cunha degustación de Filloas de Lestedo para o público asistente.

Baixo o título Terras de Compostela, distintas maneiras de desfrutar a auga, o xeodestino salientou os principais atractivos do territorio. A presidenta da entidade, Guarina Rey, puxo en valor na súa intervención a importancia da gastronomía na zona. Neste senso, indicou que “as filloas son todo un emblema na nosa cociña, na galega e na do noso xeodestino”.

Precisamente por isto, Rey non quixo “deixar pasar a ocasión de comentar que Lestedo, en Boqueixón, leva máis de corenta anos exaltando as súas filloas nunha festa gastronómica que aspira a converterse en Festa de Interese Turístico Nacional”, afirmou. O acto de presentación do xeodestino finalizou cunha degustación gratuíta do prato estrela de Boqueixón.

Desde a Asociación Cultural da Filloa de Lestedo amosaron a súa satisfacción por poder participar nunha feira de tanta importancia como FITUR, promocionando esta celebración. “Agardamos que todos os esforzos que estamos a realizar a prol da súa posta en valor se vexan pronto recompensados”, concluíron.

Ir o contido Click to listen highlighted text!