Saltar ao contido

A filloa de Lestedo pode degustarse de balde en El Corte Inglés de Santiago ata o 4 de marzo

A Asociación Cultural da Filloa, o Concello de Boqueixón e o centro comercial El Corte Inglés de Santiago presentaron hoxe a acción de promoción da Festa da Filloa de Lestedo, que se desenvolverá na cafetería deste centro comercial. Dende hoxe ata o 4 de marzo, unha filloeira elaborará en directo este produto tradicional da gastronomía galega tan típico do Entroido.

As xornadas promocionais foron presentadas polo alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín; directora de El Corte Inglés de Santiago, Cristina García de Albéniz; o director rexional de Comunicación e Relacións Institucionais de El Corte Inglés Galicia-Asturias, Pati Blanco; e o presidente da Asociación Cultural da Filloa de Lestedo, José Manuel Canabal.

Manuel Fernández Munín agradeceu un ano máis a implicación de El Corte Inglés na promoción da Festa da Filloa de Lestedo, declarada de interese turístico de Galicia. “Para o Concello de Boqueixón é un orgullo poder contar un ano máis co apoio de El Corte Inglés para poñer en valor un produto tan noso e tradicional como a filloa de Lestedo”, sinalou o rexedor.

Pola súa banda, Pati Blanco destacou “os 9 anos de apoio á Festa da Filloa de Lestedo e a importancia da elaboración artesanal deste produto identitario da cultura gastronómica de Galicia e, en especial, do seu Entroido”. Así mesmo, diante a intención anunciada por José Manuel Canabal de “levar o ano que vén a Festa da Filloa a outras cidades”, Pati Blanco ofreceu o apoio de El Corte Inglés á súa promoción en Vigo e A Coruña para próximas edicións.

Dende hoxe e ata o vindeiro 4 de marzo, todos os días entre as 13.00 e as 16.30 horas, unha filloeira elaborará en directo as Filloas de Lestedo na cafetería de El Corte Inglés de Santiago. Os asistentes poderán degustar de forma gratuíta as filloas e, ademais, poderán levar a súa casa a auténtica receita da filloa de Lestedo, que celebrará a súa gran festa o domingo 6 de marzo en Boqueixón.

Ir o contido Click to listen highlighted text!