Saltar ao contido

El Corte Inglés de Santiago de Compostela cumpre unha década promovendo a Festa da Filloa de Lestedo entre a súa clientela

A Asociación Cultural da Filloa de Lestedo, El Corte Inglés de Santiago de Compostela e o Concello de Boqueixón presentaron hoxe a tradicional acción de promoción da XLII Festa da Filloa de Lestedo, que terá lugar na cafetería de El Corte Inglés nos próximos días. Así, dende hoxe venres e ata o vindeiro 4 de marzo, unha filloeira de Lestedo elaborará no centro comercial este produto tradicional da gastronomía galega tan típico do Entroido.

A décima edición destas xornadas foi presentada polo alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro; o responsable rexional de El Corte Inglés en Galicia – Asturias nas áreas de Gran Consumo, Club del Gourmet e Hostelería, Raúl Vázquez; o presidente da Asociación Cultural da Filloa de Lestedo, José Manuel Canabal; e o concelleiro de Turismo, José Luís Mareque.

Ovidio Rodeiro agradeceu esta década de colaboración de El Corte Inglés coa promoción da Festa da Filloa de Lestedo, que vén de ser declarada de Interese Turístico Nacional. “Un recoñecemento ao traballo dos veciños e veciñas da parroquia de Lestedo para poñer en valor un produto tan noso e tan tradicional como é a filloa. Unha distinción que hoxe queremos compartir coas persoas responsables de El Corte Inglés por estes dez anos apoiando accións como esta degustación que serven para dar a coñecer a festa entre os milleiros de persoas que pasan polo centro comercial”, remarcou Rodeiro Tato.

Pola súa banda, Raúl Vázquez destacou “a vinculación de El Corte Inglés cos produtos de proximidade e aos produtos tradicionais tan vencellados á identidade da cultura gastronómica galega, como é a filloa”. Por iso, expresou “a satisfacción de El Corte Inglés en poder manter a xa tradicional degustación de filloas, a través da que conseguimos achegar a filloa aos nosos clientes e á vez acercar aos nosos clientes á Festa da Filloa de Lestedo, que nesta edición estrea o recoñecemento de Festa de interese turístico nacional”.

Finalmente, José Manuel Canabal destacou que esta degustación “permite lembrarlle aos milleiros de persoas que pasan cada fin de semana por El Corte Inglés que o domingo 9 de marzo teñen unha cita coa Festa da Filloa de Lestedo, o que nos axuda a sumar cada ano máis visitantes”.

Dende hoxe e ata o vindeiro 4 de marzo, en horario de 13:00 a 16:30 horas, unha filloeira de Lestedo elaborará filloas na cafetería de El Corte Inglés de Santiago de Compostela, que os clientes recibirán gratuitamente con cada consumición.

Ir o contido Click to listen highlighted text!