Saltar ao contido

O Filloa Cooking aposta pola accesibilidade cun obradoiro gratuíto en lingua de signos o venres 16 de febreiro

A XLI Festa da Filloa lanza unha nova edición do seu programa Filloa Cooking, que terá lugar os días 14, 15 e 16 de febreiro no local social de Lestedo. “Nesta ocasión, imos un paso alén e apostamos por ofrecer actividades aptas para diferentes idades e colectivos. Queremos que a Filloa de Lestedo sexa tamén accesible para todas as persoas”, explica o voceiro da Asociación Cultural da Filloa, Xosé Manuel Lobato.

Para isto, organízase unha xornada dedicada ás crianzas, coincidindo co Mércores de Cinza. Seguidamente, e tras o éxito da anterior edición, retomarase o showcooking dirixido a persoas celíacas (coa colaboración da Asociación de Celíacos de Galicia) o xoves 15 ás 19.00 horas. Finalizará o Filloa Cooking cunha actividade moi especial dirixida ao colectivo de persoas xordas (contando co apoio da Asociación de Persoas Xordas de Santiago de Compostela), o venres 16 ás 19.00 horas.

Todas as propostas son de carácter gratuíto, previa reserva a través dos formularios dispoñibles na web www.festadafilloadelestedo.gal. As prazas son limitadas e outorgaranse por orde de inscrición.

A primeira das actividades, a Escola Filloeira, ofrecerá o 14 de febreiro ás 17.00 horas un obradoiro de elaboración de Filloas de Lestedo para crianzas de 10 a 18 anos. “A nosa intención con esta proposta é aprenderlle ás novas xeracións os segredos da elaboración do noso produto estrela. Para isto, contaremos coa participación do chef José Manuel Mallón e de dúas das nosas filloeiras de referencia que amosarán a arte do amoado”, indica Lobato.

Participación do chef Roberto Filgueira

Ao día seguinte, o chef Roberto Filgueira, do restaurante O Balado (cunha estrela verde Michelín e un Sol Repsol), dirixirá un showcooking no que preparará pratos con filloas de Lestedo sen glute. Para isto, contará co apoio do chef José Manuel Mallón, que o ano pasado dirixira o obradoiro de elaboración de receitas aptas para persoas celíacas.

Tamén o día grande da Festa da Filloa de Lestedo (18 de febreiro), e dada a boa acollida na edición anterior, habilitarase un espazo para a venta de Filloas sen glute. Ao igual que o ano pasado, ofreceranse estes produtos no local social de Lestedo.

Showcoooking en lingua de signos

E como gran novidade desta edición, ofrecerase unha xornada de Filloa Accesible, coa celebración dun obradoiro de elaboración de Filloas de Lestedo e showcooking que será interpretado integramente en lingua de signos. Esta actividade, dirixida polo chef José Manuel Mallón, ten como obxectivo “achegar a Filloa de Lestedo a diferentes colectivos e animalos a integrala nas súas elaboracións, xa que se trata dun produto moi versátil que tanto se pode degustar cun recheo salgado como doce”, conclúe o voceiro da Asociación.

Ir o contido Click to listen highlighted text!