O programa Filloa Cooking concluíu onte esta segunda edición co obradoiro Filloa Accesible, que se desenvolveu en lingua de signos. Unha vintena de integrantes da Asociación de Persoas Xordas de Santiago (APSSC) participaron nesta proposta, na que puideron aprender a elaborar as Filloas de Lestedo da man do chef José Manuel Mallón e das mestras filloeiras Isabel Tejo e Natalia Cernadas.
O presidente da Asociación Cultural da Filloa, José Manuel Canabal, agradeceu á APSSC a súa colaboración na posta en marcha desta iniciativa e agardou que este sexa un primeiro paso para seguir ofrecendo actividades accesibles. Pola súa banda, a presidenta a APSSC, Fátima Granja, amosou a satisfacción do seu colectivo por poder gozar dun obradoiro deste tipo, xa que “nos permite coñecer o mundo da Filloa de Lestedo grazas a contar coa participación dunha ILSE” e animou a organización a seguir nesta liña en vindeiras edicións da Festa da Filloa de Lestedo.
A Filloa Accesible constou de tres partes. A primeira, na que se fixo un pequeno xogo, convidou ao público a afinar o sentido do gusto das persoas asistentes con filloas de diferentes sabores. Seguidamente, Mallón explicou polo miúdo a receita da Filloa de Lestedo e, sobre todo, os segredos da súa elaboración, xa que a temperatura do filloeiro, a cantidade de amoado e os tempos resultan fundamentais. Ademais, tamén amosou como se cociñan as filloas á pedra.
Unha vez coñecida a información, tocou practicar. Así que todas e todos foron pasando polos distintos filloeiros para aprender a botar o amoado e darlle a volta ás filloas. Unha experiencia que resultou moi gratificante, xa que moitas das persoas asistentes nunca tiveran a ocasión de facelo.
A última parte da sesión consistiu nunha degustación de dúas Filloas de Lestedo con recheos entre cuxos ingredientes se atopaban produtos das Experiencias de Calidade de Galicia, virtude da colaboración do AGACAL co Filloa Cooking. Así, puideron probar a proposta Os callos convertidos en filloa, utilizando base de filloa con fariña de garavanzo e engadindo no recheo chourizo, crema de garavanzo, morro de porco e un pouco de Queixo San Simón da Costa.
Como sobremesa, presentouse a receita A que sabe a Tarta de Santiago?, coa que Mallón emulou este doce con indicativo de calidade e orixe a través dunha filloa con base de fariña de arroz e bebida de améndoa para despois elaborar un recheo de crema de xemas e améndoas en anacos pequenos. Un prato que fixo as delicias do público, que felicitou ao chef polo seu bo facer.
Pregón en lingua de signos
Ao finalizar o obradoiro, José Manuel Canabal agradeceu de novo a participación da APSSC nesta iniciativa e lembroulles que mañá “o pregón da XLI Festa da Filloa de Lestedo contará cunha intérprete en lingua de signos”. Neste senso, animou a todas as persoas presentes a acudir á apertura oficial da celebración.
Coa fin de facilitar a accesibilidade a este acto, desde a organización da Festa da Filloa de Lestedo reservarase un espazo específico para que as persoas xordas poidan ver á ILSE e, así, poder seguir os distintos discursos.