Saltar ao contido

O “Filloa sen glute” amosou seis saborosas receitas para persoas celíacas elaboradas polos chefs Roberto Filgueira e José Manuel Mallón

O local social de Lestedo converteuse onte pola tarde nun “recuncho de felicidade” co showcooking Filloa sen glute. Medio cento de persoas acudiron a esta actividade, incluída dentro do programa Filloa Cooking da Festa da Filloa de Lestedo, que rexistrou unha inmellorable acollida.

A cita, que se desenvolveu en colaboración coa Asociación de Celíacos de Galicia (ACEGA), contou coa participación dos chefs Roberto Filgueira (do Restaurante o Balado) e José Manuel Mallón. Ambos profesionais crearon seis saborosas receitas con Filloas de Lestedo elaboradas con diferentes fariñas sen glute con recheos nos que utilizaron produtos das Experiencias de Calidade de Galicia. Entre eles, atopábanse a DOP Queixo Tetilla, DOP Queixo Cebreiro curado, DOP Queixo San Simón da Costa, DOP Queixo Arzúa-Ulloa curado, IXP Ternera Gallega, IXP Grelo de Galicia, IXP Castaña de Galicia, DOP Mexillón de Galicia, ou IXP Mel de Galicia.

O presidente da Asociación Cultural da Filloa, José Manuel Canabal, e a responsable do departamento de Seguridade Alimentaria de ACEGA, Nuria Colmenero, deron a benvida ao público. Canabal agradeceu na súa intervención o elevado interese que suscitou novamente esta actividade, ao tempo que gabou o labor desenvolvido tanto por ambos os dous chefs participantes como polas filloeiras que colaboraron nesta xornada, Matilde Torres e Natalia Cernadas. Pola súa banda, Colmenero agradeceu a “sensibilidade” da organización para coas persoas celíacas e agardou seguir colaborando na posta en marcha deste tipo de iniciativas. Neste senso, Canabal anunciou que o día grande da XLI Festa da Filloa de Lestedo, este domingo 18 de febreiro, “haberá venta de filloas sen glute neste local social entre as 13.00 e as 15.00 horas”.

Seis Experiencias de calidade sen glute

Ademais de explicar a elaboración das diferentes bases de Filloa de Lestedo sen glute, tanto José Manuel Mallón como Roberto Filgueira aproveitaron a ocasión para detallar algunhas curiosidades e características diferenciadoras dos produtos das Experiencias de Calidade de Galicia que utilizaron para as súas receitas. Así, a primeira proposta, elaborada por Mallón denominouse A empanada feita filloa, que pretende recrear este típico prato galego coa base de Filloa de Lestedo con fariña de millo, xunto con Ternera Gallega, Grelo de Galicia e cebola.

Seguidamente, Filgueira preparou un Suspiro de mar no filloeiro, que constaba dunha base de Filloa de Lestedo con fariña de arroz con algas, un sofrito e Mexillón de Galicia en escabeche. Regresando á terra, Mallón elaborou Os callos convertidos en filloa, utilizando base de filloa con fariña de garavanzo, chourizo, crema de garavanzo, morro de porco e un pouco de Queixo San Simón da Costa. Continuando coa cuarta elaboración, Roberto Filgueira tamén quixo regresar á cociña de antes coa proposta Voltando á orixe galega, creando unha especie de fajita de filloa de trigo sarraceno e Ternera Gallega.

Como sobremesas, ofrecéronse dúas deliciosas propostas. A primeira delas denominada A que sabe a Tarta de Santiago?, coa que Mallón emulou este doce con indicativo de calidade e orixe a través dunha filloa con base de fariña de arroz e bebida de améndoa para despois elaborar un recheo de crema de xemas e améndoas en anacos pequenos. Roberto Filgueira finalizou o showcooking coa súa Sobremesa perfecta, que incluía unha filloa de fariña de castaña e unha crema de castaña e de Queixo Cebreiro curado.

O público coincidiu á hora de salientar a calidade das seis deliciosas propostas e animouse, unha vez finalizado o showcooking, a aprender a elaborar as Filloas de Lestedo con base de améndoa. Para isto, contaron coa axuda das dúas filloeiras Natalia Cernadas e Matilde Torres, que lles amosaron os trucos da súa cocción.

Filloa Accesible, esta tarde

O programa Filloa Cooking pecharase esta tarde, ás 19.00 horas, coa Filloa Accesible, un obradoiro de elaboración de Filloas de Lestedo e recheos en lingua de signos. Para isto, cóntase coa colaboración da Asociación de Persoas Xordas de Santiago de Compostela (APSSC) e do AGACAL. Esta proposta, que contará con produtos das Experiencias de Calidade de Galicia, tamén estará coordinada polo chef José Manuel Mallón. Ademais de na elaboración de filloas e recheos, centrarase en dar a coñecer as características específicas que definen a Filloa de Lestedo e na posibilidade de aportarlle diversos sabores.

Ir o contido Click to listen highlighted text!