O CIFP Compostela acolleu esta mañá a presentación do programa da XLII Festa da Filloa de Lestedo, cuxo día grande será o 9 de marzo. O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, e o presidente da Asociación Cultural da Filloa, José Manuel Canabal, presidiron esta mañá o acto, no que estiveron acompañados pola directora de Promoción da Axencia de Turismo de Galicia, Carmen Pita; o director do CIFP Compostela, Ramiro Esparís, e a actriz e presentadora María Mera.
O alcalde de Boqueixón destacou todo o traballo realizado polos integrantes da Asociación Cultural da Filloa, persoal do Concello, entidades e empresas patrocinadoras na consecución da distinción de Festa de Interese Turístico Nacional para a Filloa, a terceira na provincia da Coruña. Un agradecemento especial para os veciños e veciñas de Lestedo, “xente traballadora, acolledora e unida en torno a unha festa que comezou sendo dunha parroquia e que agora xa é coñecida en toda España”.
Así mesmo, adiantou que “ninguén pense que levantamos o pé do acelerador, esta vai ser unha das edicións con maior número de actividades previas”, ao tempo que destacou o irmandamento entre a Festa da Filloa e a Feira do Cocido de Lalín, asinado o pasado sábado. “Gañamos un irmán maior: nada menos que a primeira festa gastronómica distinguida como de Interese Turístico Internacional. Todo un espello no que mirarse e do que aprender”, apuntou Ovidio Rodeiro, quen lembrou que “por iso este ano o Cocido de Lalín será un protagonista máis na Festa da Filloa, e a Filloa será protagonista na capital do Deza”.
Uns agradecementos aos que se sumou José Manuel Canabal, quen destacou que este recoñecemento “é unha posta en valor do traballo e dedicación dos veciños e veciñas de Lestedo, dos nosos pais e nais, das nosas avoas e avós que facían as filloas con faíscas nas súas casas e que agora ven que a súa festa é de Interese Turístico Nacional”.
Sobre o Día Grande da Filloa, Canabal recomendou aos visitantes probar “dúas elaboracións: filloas recheas de Porco Celta e Filloas de Cocido, froito dese irmandamento coa Feira de Lalín”. Ademais, confirmou que a oitava edición do Gran Desfile Intermunicipal dos Xenerais da Ulla contará coa participación de máis de medio cento de xenerais e xeneralas e que “as máquinas filloeiras comezarán a traballar ás 8 da mañá, con capacidade para facer preto de 2.000 filloas cada hora, e ao seu carón haberá filloeiras e filloeiros preparando todo tipo de elaboracións: filloas á pedra, recheas, doces…”.
Programación paralela
A partir de hoxe, comezan intensas semanas de promoción da Festa da Filloa que por primeira vez na súa historia a levarán a promoverse fóra da provincia da Coruña. Así, o pasado sábado tivo lugar unha das actividades programadas co gallo do irmandamento coa Feira do Cocido de Lalín, a través dunha degustación de filloas de Lestedo e un showcooking protagonizado por Xosé Manuel Mallón no marco da IV Feira Internacional de Apicultura de Lalín. Por outra banda, o domingo 23 de febreiro, un grupo de Xenerais e Xeneralas da Ulla viaxará a Lalín para faceren un desfile e un atranque no marco da LVII Feira do Cocido de Lalín.
As xa tradicionais “Xornadas gastronómicas da Filloa no centro comercial El Corte Inglés” chegarán o 28 de febreiro e o 1, 3 e 4 de marzo. En horario de 13:00 a 16:30 horas, degustación gratuíta de filloas con cada consumición.
O sábado 1 de marzo terá lugar a terceira edición da “Festa da Filloíña”, que dará comezo ás 16:30 horas no campo da feira de Lestedo coas actuacións dos grupos Os Campiños de Sarandón, As Travesas de Codeso, Pena Maior de Marrozos, Lucerniñas e Solleirada. Ás 18:00 horas terá lugar o pregón infantil, a cargo de alumnos e alumnas do CPI Vedra. Quince minutos despois chegarán os Atranques de Xeneraliños da Ulla, que rematarán cun concurso de disfraces infantil. E, a partir das 20:30 horas, gran concerto a cargo de Uxía Lambona e a Banda Molona.
Un día despois, o domingo 2 de marzo, ás 12:00 horas, será a quenda do primeiro dos cinco showcookings programados este ano no Filloa Cooking, todos eles no local social de Lestedo. Trátase de “Orixes Galegas”, impartido por Alberto Lareo, cociñeiro do restaurante Maina (Santiago). Unha iniciativa posta en marcha polas marcas Celtaporc e Celtagal para promover o consumo de embutidos de porco celta con carne de vaca cahena.
A segunda sesión terá como protagonista o Cocido de Lalín e será impartida polo chef lalinense Álex Iglesias, do restaurante Cabanas, que elaborará receitas de aproveitamento das sobras do cocido con filloa de Lestedo. Será o luns 3 de marzo, ás 19:00 horas.
O mércores 5 de marzo, ás 17:00 horas, será o momento dos máis pequenos cunha nova edición da Escola Filloeira, na que o chef Xosé Manuel Mallón encargarase de aprender os valores culinarios da filloa de Lestedo aos nenos e nenas da localidade, de idades comprendidas entre os 10 e os 18 anos.
E o xoves 6 de marzo, nova sesión do “Filloa Accesible”, iniciativa que pretende achegar esta sobremesa a todos os públicos. Desta vez o colectivo convidado son as persoas asociadas a AFEXDI Santiago, asociación para a formación e emprego de persoas con discapacidade intelectual. A clase será impartida polo chef Xosé Manuel Mallón ás 11:00 horas.
Unhas horas máis tarde, concretamente ás 19:00 horas, o propio Mallón en colaboración con Roberto Filgueira, chef do Grupo Nove e cociñeiro do Restaurante O Balado (Boqueixón), dirixirán outra edición de “Lestedo sen glute”, dirixido a persoas celíacas e que volve a celebrarse debido ao gran interese espertado o ano pasado e que se volve desenvolver en colaboración con ACEGA.
E o sábado 8 de marzo, terceira edición do “Filloa Folk”, que este ano reunirá no campo da feira de Lestedo á Parranda de Entroido (18:00 h), Luz do Ilicinio (19:30 horas), Os Melidaos (20:30 horas) e Ailá (20:00 horas).
Ademais, durante este mes de febreiro desenvolverase a quinta edición do Concurso Fotográfico “Filloarte”, onde calquera persoa poderá presentar ata dúas imaxes de elaboración de filloas, presentacións empratadas de filloas, creatividades en base ás filloas, etc. A única limitación é que non poden aparecer persoas identificables na imaxe. As propostas deberán entregarse no mail festadafilloadelestedo@gmail.com e as bases poderán consultarse na web www.festadafilloadelestedo.gal.
Domingo de Piñata
Finalmente, o domingo 9 de marzo a XLII Festa da Filloa quentará motores a partir das 8:00 horas, co acendido das máquinas filloeiras, con capacidade para elaborar preto de 2.000 filloas cada hora. A partir das 11:00 horas, actuación de grupos musicais da Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio.
Ás 12:00 horas terá lugar o VIII Gran Desfile Intermunicipal dos Xenerais da Ulla, no que está prevista a participación de medio cento de Xenerais e Xeneralas chegados de A Estrada, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Vedra, Vila de Cruces e, por suposto, Boqueixón. Unha vez chegados ao campo da festa, a iso das 13:00 horas, terá lugar o pregón de Isabel Pichel, veciña de Pazos (Lestedo) e directora do informativo “Galicia por Diante Fin de Semana” na Radio Galega, así como a imposición dos mandís de honra 2025. Un acto que será presentado pola actriz María Mera.
Ás 13:45 horas será o momento do Gran Alto dos Xenerais da Ulla que, mediante estrofas rimadas e con moita ironía e humor, falarán de política e temas de actualidade. A sesión vermú correrá a cargo do Grupo Ibiza, que dará paso ao Xantar da Filloa, que este ano contará como novidade cun Cocido da Filloa, froito do irmandamento desta festa coa Feira do Cocido de Lalín.
Durante toda a xornada poderán degustarse diversos tipos de elaboracións de filloas: á pedra, recheas, salgadas, doces, da máquina filloeira… E pola tarde, a partir das 18:00 horas, gran verbena popular co grupo Origen e a orquestra París de Noia.